MIES es + // F. LL. WRIGHT

Manifesta
FRANK LLOYD WRIGHT: TALIESIN. A COMUNIDADE AUTOSUFICIENTE
28-29 Outubro de 2017

A primeira sesión do ciclo MIES é + do curso 2017-2018 no Centro Galego de Arte Contemporánea dedicouse ao arquitecto americano Frank Lloyd Wright. Considerado como un dos tres grandes mestres do movemento moderno tivo un gran impacto nos arquitectos do seu tempo.

Creceu nun ambiente rural de Wisconsin onde o sentimento de comunidade e o contacto coa natureza eran moi importantes. Ademais, tivo a oportunidade de xogar cos bloques de construción do psicopedagogo alemán Friedich Froebel, sendo un dos primeiros nenos que xogando con estes xoguetes acabou converténdose en arquitecto. Aprendeu a profesión a base de traballar pois abandonou a universidade e tivo ademais a sorte de colaborar nun dos estudos máis importantes da chamada Escola de Chicago.

A través da súa obra puidemos aprender a importancia das súas vivencias familiares nas súas casas da pradería como a Robbie House ou o proxecto altruísta para o Templo Unitario en Oak Park. Nestas obras ademais do edificio tamén deseñou parte do mobiliario e xa se podía apreciar a influencia que tiña nos seus deseños a cultura oriental.

Precursor da chamada arquitectura orgánica preocupouse tamén polo urbanismo e deseñou cidades utópicas como a Broadacre City.

Fundou tamén as comunidades Taliesin, onde acudían estudantes de arquitectura de todo o país para aprender do mestre. Eran lugares illados do mundo onde convivían co propósito de aprender e cuxo deseño era do propio Wright.

Por último vimos algúns dos seus grandes edificios como o museo Guggenheim de Nova York ou a sede da Johnson Wax para acabar coa súa obra de maior prestixio, a Casa Kaufmann ou Casa da Fervenza. Conta a lenda que a debuxou en tan só unhas horas tras un ultimato do seu cliente que cansado de esperar chamoulle para dicirlle que se plantaría no seu estudo para ver os avances.

Foron precisamente estas obras a que decidimos construír con Super Lupo. En primeiro lugar emulamos os alicerces con grandes capiteis cilíndricos da sede da Johnson Wax para realizar unha proba de carga do mesmo xeito que se fixo na construción orixinal. Por último recreamos a Casa da Fervenza coas súas voladizos imposibles e tivemos que aplicarnos a fondo para reforzar os puntos onde os esforzos de flexión eran maiores.

En resumo foi unha gran xornada onde puidemos aprender algo de cultura, deseño, urbanismo, historia e estruturas grazas ao gran mestre americano.

_
Selección do material utilizado