Ponte de Gundián

A ponte de Gundián, que salva o río Ulla no municipio de Vedra é unha icona non só para os habitantes do municipio, senón que o é tamén para os numerosos camiñantes que percorren a zona e páiranse a fotografalo.

Coa construción desta réplica do viaduto utilizando as pezas de Timber Lupo e Superlupo, os alumnos do Colexio Ortigueira en Santa Cruz de Ribadulla conseguiron coñecer un pouco máis dun símbolo próximo mentres xogaban e aprendían en temas de matemáticas, debuxo, física, arte ou historia.

Esta actividade tivo lugar noutro importante edificio da contorna, a antiga estación de tren de Santa Cruz de Ribadulla, agora transformada nun espazo cultural municipal.

Tras unha primeira parte na que se construíron xanelas e arcos que permitiron profundar nas nocións estruturais que permiten ao home salvar espazos sen apoios, os participantes pasaron a construír a réplica da ponte coa axuda dunha estada e moita diversión.

Ao ser esta unha construción efémera as pezas seguirán sendo utilizadas para novos proxectos e construcións educativas. De feito ao pouco tempo, outra construción da ponte foi realizada nunha das aulas do colexio. ¡Canta creatividade para crear as ladeiras de apoio co mobiliario!