Repensando a Escola – O Cono

Seguindo o traballo do artista Gordon Matta Clark, exponse unha intervención sobre a casa do mestre como un acto de reflexión sobre como deben ser os espazos educativos no século XXI e que papel deben xogar os alumnos na configuración destes espazos. Trasládase a lóxica transversal dos sistemas educativos aos espazos nos que se educa tentando romper os muros da educación convencional dun modo nada metafórico.

O proxecto enténdese como unha unidade didáctica en si mesma onde se poden explicar de forma sinxela as xeometrías cónicas derivadas das diferentes interseccións dun plano cun cono. Búscase unha aproximación fundamentalmente práctica a través de pequenas maquetas facilmente construibles cunha simple cartolina e o traballo no patio para comprender as regras xeométricas.

O baleirado en forma de cono exposto na casa do mestre ten a finalidade de introducir aos alumnos en conceptos xeométricos e matemáticos dunha forma práctica e divertida. As interseccións do cono cos tabiques e forxados xeran xeometrías en forma de elipse, parábola
ou hipérbola.

Todo iso leva implícito o efecto transgresor propio da acción artística, o que en principio parece unha tolemia colectiva termina por converterse nunha acción clara, efectiva que transformará o espazo e fará que os alumnos se apoderen definitivamente do mesmo identificándose con el.

O proxecto entende a educación como un proceso de formación permanente. As fases de demolición foron executadas polo alumnado dunha escola taller na que os participantes realizan as prácticas á través desta actividade á vez que complementan a súa formación en técnicas de albanelería.

Asígnase ao cono a cor vermella e todos os elementos no interior do cono ou en intersección con él van pintados desta cor. Paredes, teitos, pasamanos ou lámpadas son susceptibles de pintarse se se atopan dentro do cono. E todo isto sen saírse das liñas trazadas polos propios nenos.

A imaxe final da intervención exponse para ser vista desde o vértice do cono situado nunha das habitacións. O vértice esta situado á altura do alumno de forma que a obra adquire sentido desde este punto de vista quedando ao descuberto o segredo da obra en canto abandonamos esta perspectiva.

Toda a casa do mestre convértese a través desta operación nun espazo de xogo que se apropian os
nenos e que ata agora permanecía en desuso.
Un novo laboratorio de experimentación e de xogo.

A maqueta sobre a que se reflexiona e se repensa a escola sitúase neste espazo en vermello, en movemento, en cambio… un espazo no que podemos observar desde o vértice do cono convertido nunha mirilla.






Warning: Parameter 2 to qtranxf_excludeUntranslatedPostComments() expected to be a reference, value given in /home/ferminbl/public_html/sistemalupo/wp-includes/class-wp-hook.php on line 287

Deixar unha resposta